Xa está dispoñible a revista Nordés. A ver se vos gusta !
Dinamización Lingua Galega
mércores, 31 de maio de 2023
domingo, 23 de abril de 2023
DÍA DO LIBRO
Hoxe, domingo 23 de abril, celébrase o Día do Libro. No colexio realizamos diversas actividades ao longo da semana para conmemoralo. Unha das que máis gustan ao alumnado e que repetimos cada curso son os apadriñamentos lectores. Os nenos e nenas maiores lenlles contos aos máis pequenos, converténdose así nos seus padriños lectores e madriñas lectoras.
O venres 21 houbo unha sesión de contacontos a cargo do Grupo de Participación Adolescente do Concello de Burela. Estivo dirixida ao alumnado de Educación Infantil, que puido gozar coas aventuras do Oso Atrapabolboretas. Moitas grazas!
Igualmente, agradecemos a colaboración ás persoas da comunidade educativa que, procedentes de diferentes países, nos aproximaron ás súas tradicións culturais mediante unhas charlas nas aulas de Primaria. Senegal, Marrocos, Colombia, Cabo Verde e Perú foron os protagonistas .
martes, 28 de febreiro de 2023
DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO
O día 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro. No cole festexámolo o venres 24 dun xeito moi especial, pois realizamos unha actividade conxunta co CEIP Plurilingüe Vista Alegre. O alumnado de 5º e 6º de Primaria de ámbolos dous centros preparou a canción "No bico un cantar", o poema que Curros Enríquez lle dedicou a Rosalía no seu pasamento. Está musicado por Uxía e aparece no libro "Rosalía Pequeniña".
No acto, que tivo lugar no pavillón, fíxose unha lectura sobre a vida e obra da autora e recitáronse algúns dos seus poemas máis representativos. A continuación o alumnado de 5º e 6º dos dous colexios interpretou o tema "No bico un cantar" e para rematar tódolos presentes participamos cantando e xesticulando o poema "O moucho", con música de Migallas. Podedes velo premendo na seguinte ligazón.
xoves, 23 de febreiro de 2023
ENTROIDO 2023
Despois de cumprir durante toda a semana os mandados da Meca, chegou o día do desfile. O venres 17 saímos á rúa disfrazados, representando diferentes emocións:
- 6º de Primaria: medo (monstros)
- 5º de Primaria: alegría (pallasos)
- 4º de Primaria: calma (arcos da vella)
- 3º de Primaria: sorpresa (agasallos)
- 2º de Primaria: susto (zombis)
- 1º de Primaria: euforia (futbolistas e corredores)
- 6º de Infantil: amor (corazóns)
- 5º de Infantil: admiración (superheroes)
- 4º de Infantil: tódalas emocións anteriores (emoticonos).
Cando voltamos ao colexio reunímonos no pavillón e máis tarde degustamos nas aulas as sobremesas típicas do Entroido aportadas polas familias. Moitas grazas pola colaboración.
domingo, 5 de febreiro de 2023
DÍA DA PAZ 2023
Esta semana celebramos o Día Escolar da non Violencia e da Paz con diversas actividades. Unha delas foi a investigación sobre o labor de distintas persoas e organizacións que recibiron o Premio Nobel da Paz. Os traballos do alumnado plasmáronse en carteis que se expuxeron nos corredores do centro.
Os nenos e nenas de Educación Infantil bailaron a canción "Don Melitón" do grupo Malvela.
En Educación Primaria o alumnado de diferentes niveis combinou os seus esforzos para compoñer quebracabezas e realizar un mural.
xoves, 22 de decembro de 2022
NADAL 2022
Despois dunhas semanas de ilusión pola proximidade do Nadal, por fin chegan as vacacións. Queremos compartir con toda a comunidade educativa uns vídeos para felicitarvos as festas. Agradecémoslle ao Apalpador a súa visita e os agasallos que nos deixou. Bo Nadal e feliz aninovo!!!
Alumnado de Primaria
Alumnado de Infantil
Visita do Apalpador
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)