xoves, 22 de decembro de 2022

NADAL 2022

Despois dunhas semanas de ilusión pola proximidade  do Nadal, por fin chegan as vacacións. Queremos compartir con toda a comunidade educativa uns vídeos para felicitarvos as festas. Agradecémoslle ao Apalpador a súa visita e os agasallos que nos deixou. Bo Nadal e feliz aninovo!!!

Alumnado de Primaria

 


Alumnado de Infantil



Visita do Apalpador

sábado, 26 de novembro de 2022

MAGOSTO 2022

 O pasado venres 18 celebramos o magosto no colexio. Foi unha festa xenial malia a chuvia. Este ano tivemos moita sorte , pois todo Primaria puidemos ver como preparaban e asaban as castañas no patio. A continuación  degustámolas e logo desfrutamos de xogos populares coma noutras ocasións. Moitas grazas á Asociación "Os Asadores" por colaborar con nós.

Aquí vos deixamos un vídeo que recolle momentos dese día.


   



 En Infantil degustamos froitas do outono e tamén participamos en diferentes xogos, que vos amosamos no seguinte vídeo.


mércores, 2 de novembro de 2022

SAMAÍN 2022

Este curso celebramos o samaín con distintas actividades que resultaron moi interesantes e motivadoras para todo o alumnado. En Primaria houbo unha exposición de portadas de libros de medo elaboradas polos nenos e nenas, mentres que en Infantil optaron pola xa clásica exposición de cabazas decoradas. Ademais, en cada aula creouse un personaxe terrorífico e inventouse a súa historia. Premendo na imaxe podedes ver un vídeo no que se recollen algunhas imaxes representativas

martes, 17 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS GALEGAS



Feliz Día das Letras Galegas!. Este ano dedicámoslle esta festa a Florencio Delgado Gurriarán, que tanto fixo pola nosa lingua e pola nosa cultura.
No CEIP Virxe do Carme celebrámolo o venres pasado, coa participación de todo o alumnado e profesorado. Ademais de salientar a vida e obra do autor homenaxeado a ritmo de regueifa e de "Bella Ciao", asistimos á entrega dos premios do VIII concurso "Deseña a túa portada", que recaeron en Adrián Piqueras Valle (5º EP) e Adrianna García Kozlik (5º EI).
A parte que máis disfrutamos foi a danza "Indo eu a camiño de Viseu", na que tivemos que facer un bo exercicio de coordinación, xa que participamos conxuntamente tódolos nenos, nenas e profes.
Rematamos cantando o Himno Galego.


 










xoves, 28 de abril de 2022

DÍA DO LIBRO

Dado que o día 23 de abril caeu en sábado, adiamos a actividade "apadriñamentos lectores" para o luns 26. Os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria buscaron textos axeitados para lerlles individualizadamente aos de infantil, 1º e 2º. Todos estaban moi ilusionados por recuperar esta xuntanza que estivo suspendida dous cursos debido á situación sanitaria. Ademais, cada aula creou un slogan para destacar a importancia da lectura e en 4ºB animáronse a ler o primeiro capítulo do Quixote para o programa da radio de Proxecto Neo. 






DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

 O día 7 de abril é o Día Mundial da Saúde. No noso colexio traballamos durante todo o curso pola consecución duns hábitos de vida saudables e quixemos celebralo facendo exercicio no exterior e participando nunhas sesións de zumba dirixidas por Lidia, a mestra de Educación Física, que fixo que o pasásemos en grande.




  


domingo, 27 de marzo de 2022

DÍA DA ÁRBORE E DÍA DA AUGA

Coa colaboración do Centro de Educación Medioambiental Gaia do Concello de Burela, celebramos esta semana os Días da Árbore (luns 21) e da Auga (martes 22). O alumnado de Primaria participou no concurso "Que árbore é?", resultando gañadora a clase de 4ºB. Parabéns! O seu premio foi plantar lavandas dentro do recinto escolar. Tamén recibiron información sobre como chega a auga ás nosas casas.
En Infantil disfrutaron co conto "O señor Encoro e a choiva". 

















sábado, 12 de marzo de 2022

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E SEMANA DA PRENSA

 Esta semana celebramos o Día Internacional da Muller (8 de marzo) con diversas actividades encamiñadas a lembrar o importante papel das mulleres ao longo da Historia e reivindicar cambios e melloras que leven a unha verdadeira igualdade de xénero no mundo actual.



 Tamén adicamos varios días a traballar con xornais durante esta Semana da Prensa na Escola.





Podedes ver un resume do que fixeron os nenos e nenas de Infantil premendo nesta ligazón https://youtu.be/XJGjWPvDGrU.


luns, 28 de febreiro de 2022

ENTROIDO 2022

Despois de tanto tempo de restricións, e tendo en conta que a situación vai mellorando, no CEIP Plurilingüe  Virxe do Carme decidimos facer un desfile de Entroido para levar algo de ledicia a Burela.
Os nenos e nenas disfrutaron moito desta actividade, malia que o vento nos xogou algunha mala pasada durante o percorrido.
Os disfraces foron estes:
  • 4º de EI: Monstros SA
  • 5º de EI: Hotel Transilvania
  • 6º de EI: Peter Pan
  • 1º e 2º de EP: Pinocho
  • 3º de EP: Mary Poppins
  • 4º de EP: Mago de Oz
  • 5º e 6º de EP: Alicia no país das marabillas.
Agradecemos a colaboración das familias que, unha vez máis, demostraron a súa implicación.
Neste vídeo podedes ver algunhas imaxes do desfile na rúa e no patio.




venres, 25 de febreiro de 2022

SEMANA DO MECO 2022

Durante esta semana fómonos preparando para a chegada do Entroido e, por suposto, cumprimos  os mandados do Meco. Cada día fomos engadindo un novo elemento de disfrace: algo na cabeza, algo no pescozo, algo na cintura e por último, un anteface ou os ollos maquillados. O xoves daba gusto vernos con tódolos complementos.







xoves, 24 de febreiro de 2022

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

 Este mércores, día 23 de febreiro, celebramos o Día de Rosalía de Castro. No noso cole homenaxeámola con diversas actividades para poñer en valor a súa obra. Comezamos xa o pasado xoves reuníndonos no patio para cantar todos xuntos o poema de Curros Enríquez "A Rosalía", que aparece no disco de Uxía "Rosalía Pequeniña". Durante esta semana continuamos traballando nas aulas a importancia da súa poesía. Podedes ver un resume premendo nesta ligazón https://youtu.be/D8-clRNP4uA

domingo, 30 de xaneiro de 2022

DÍA DA PAZ 2022

Hoxe, día 30 de xaneiro, celebramos o Día Escolar da Non Violencia e da Paz. Durante esta semana, no noso cole, estivemos investigando sobre cales son os símbolos empregados para representar a paz, pois máis aló da pomba branca , existen outros que merece a pena coñecer. 
Aquí vos deixamos un vídeo coa  recompilación dos seus traballos. 



Presentámosvolo  tamén en formato revista  por se queredes ler o contido con detalle.